ETEA

OVEP APOIA A CIDADE DO MAR NA ETEA

O FUTURO DA ETEA: CIDADE DAS CIENCIAS MARIÑAS E SEDE DO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS

Este documento é unha chamada á xestión responsable por parte dos Poderes Públicos e á participación responsable do conxunto da cidadanía sobre tres asuntos que conflúen no tempo e que son da máxima importancia para Vigo e para Galicia:

• O destino da antiga ETEA, polos excepcionais valores e potencialidades deste recinto litoral.

• O proxecto da Cidade das Ciencias Mariñas, porque constitúe unha oportunidade histórica para a cidade e para o País.

• A Sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pola necesidade dunha localización digna para este organismo, núcleo xestor dunha posible e desexable Reserva da Biosfera que pode ser a única esperanza para o desenvolvemento sostible do litoral galego e a preservación do seu medio natural, a súa paisaxe e os seus sinais de identidade.

En ausencia dunha Axenda 21 Local operativa, éste é o único medio que ten Outrovigoéposible para exercer a democracia participativa e loitar pola ordenación e o desenvolvemento sostibles de Vigo e de Galicia.

 

Documento Integro da ETEA

ETEA

 

Contra a xestión irresponsable e destrutiva dun valioso recinto litoral

 

 

A Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca e o Concello de Vigo están a punto de asinar un acordo sobre o uso e ordenación da ETEA que constitúe un exemplo de cómo se pode xestionar de xeito irresponsable un ben público valioso. Tal acordo pretende combinar un excelente proxecto público, constituido por un campus científico mariño (inaxeitadamente chamado Cidade do Mar), e unha base oceanográfica, con dúas actividades privadas de forte carácter elitista: un enorme peirao deportivo e unha zona residencial en terra, para usuarios de alto poder económico.

O campus científico e a base oceanográfica serían actividades compatibles, incluso sinérxicas, co uso público do recinto e a recuperación do seu litoral, mais unha fonte de calidade vital e cultural para o barrio de Teis. Pero a incorporación dun uso privado náutico e residencial provocaría a degradación dos valores urbanos, ambientais, culturais e paisaxísticos do recinto e degradaría a súa calidade como espazo público.

O peirao deportivo, que ocuparía unha lámina de auga máis extensa que a propia superficie do recinto en terra, suporía a definitiva privatización da franxa litoral e a destrución dos areais e dos bancos marisqueiros da Guía, xa ocupados e destruidos en gran parte por outra desmesura irracional: o peirao deportivo de Punta Lagoa, ben pouco alén do recinto da ETEA. O fondo do novo peirao habería de ser dragado, e o areal da Punta sería utilizado como receptáculo da area recollida, coa pretensión dunha   imposible remodelación artificial. Pero as correntes adoitan levar toda area artificialmente aportada, que acaba espallada no fondo da ría, alterando e degradando o seu ecosistema. As instalacións en terra ao servicio do peirao e o acceso de vehículos de todo tipo completarían a degradación ambiental do recinto.

O campus científico e a base oceanográfica quedarían descontextualizados, subsumidos nun entorno degradado, socioculturalmente trivial e ambientalmente destrutivo, incompatible coa protección e a xestión sustentable do medio litoral e mariño. Isto pesaría como unha luosa sobre o complexo científico, restándolle espírito, pulo e credibilidade, e comprometería gravemente o seu desenvolvemento futuro e a súa proxección internacional.

Para colmo, a Consellería de Medio Ambiente declarou, con data 27.02.2008, a “non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica o Plan Sectorial de Ordenación Territorial do Campus Científico – Tecnolóxico da Cidade do Mar de Vigo”. Deste xeito abraiante, a propia Xunta renunciou a unha ferramenta que lle permitiría avaliar a calidade ambiental, non só do propio campus no seu recinto, senón tamén a do seu entorno, e as súas interrelacións. Cousa imposible de acadar cunha avaliación fragmentada do impacto ambiental dos diversos proxectos do complexo.

O recinto da ETEA foi ocupado polo Estado, entre os anos vinte e os anos sesenta do século pasado, mediante unha progresiva expropiación, que afectou a unhas 100 familias e tivo fases moi traumáticas (incluso a punta de bayoneta) que perviven na memoria dos veciños. A Zona Franca comprou o recinto a finais de 2003 por 30 millóns de euros.

Os actuais responsables da Zona Franca teñen un concepto economicista do interese público que impulsa a este organismo a recuperar a súa inversión a toda costa, sen ter en conta outros valores, como a calidade urbana, o espazo público, a cultura, o medio ambiente, a paisaxe e a calidade de vida. Valores que tamén constitúen interese público, e que teñen un valor económico superior á inversión realizada, se se considera a súa proxección no tempo. O balance coste-beneficio da actitude da Zona Franca é obxectivamente ruinoso.

A feble actitude da Xunta de Galicia e a súa irracional orde de prioridades impide que o Campus Científico Mariño, que debería ser un proxecto estratéxico de País, tome un pulo definitivo e, con el, o uso público da ETEA e a rexeneración do seu litoral. Mentres, unha faraónica Cidade da Cultura, sen proxecto nin obxectivo definidos, malgasta, qué un xeito de dicir que gasta en nada, importantes cantidades do orzamento autonómico.

Vai contra toda ética que un recinto de tal valor, expropiado de tal xeito, sexa privatizado, nin sequera parcialmente, para que un organismo público recupere a súa inversión, por desmesurada e inxustificable que ésta fose no seu momento.

Vai contra o principio da democracia participativa que a decisión final sobre o destino da ETEA e a súa ordenación sexan decididas de xeito oligárquico polas administracións competentes, sin participación nin corresponsabilidade cidadá.

Como remate, o acordo pretende asinarse nun momento de axuste político, no que o delegado da Zona Franca exerce o seu cargo en funcións, circunstancia que debería inhabilitalo para tomar e asinar unha decisión de tal transcendencia. Unha decisión que debería ser revisada polo seu sucesor con novos criterios, polo ben de Vigo e de Galicia.

Dende o ano 2004, tres asociacións do barrio de Teis: Voces polo Litoral, a Asociación de Veciños e o Plan Comunitario veñen loitando pola devolución da ETEA á cidade, e polo uso público do seu recinto e do seu litoral. No ano 2006, Outro Vigo é Posible sumouse a esta loita, formulando o seu Estudo e Proposta sobre a ETEA, a Cidade das Ciencias Mariñas e a Sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Hoxe temos que facer un novo e urxente chamamento ás administracións e á cidadanía para evitar que en Vigo, unha vez máis, se cometa un erro histórico. Un erro que transcendería á cidade. Un erro de País.

Polo tanto, rexeitamos enérxicamente o irresponsable intento de compatibilizar o uso científico do recinto cun insustentable complexo náutico e residencial.

No seu lugar, reclamamos e apioamos, unha vez máis:

Unha ordenación exemplar, pública e sustentable do recinto da ETEA

O seu uso como Campus Científico Mariño e como Base Oceanográfica.

O uso do resto do recinto como espazo público de vivencia, convivencia, cultura, lecer e contacto cotián coa beleza e a natureza.

A rexeneración e uso público do seu litoral e dos seus areais.

Un deseño que permita que os centros de investigación sexan tamén centros de cultura científica e ambiental abertos aos cidadáns.

A incorporación, se pode facerrse en condicións de sustentabilidade, de actividades relacionadas coa cultura mariña tradicional galega (base de embarcacións tradicionais, carpintería de ribeira, escola municipal de vela).

Un nivel de excelencia no proxecto e o estricto control da calidade da súa realización.

 

 

A Comisión Coordenadora de Outrovigoéposible

 

Vigo, abril de 2008

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *