PXOM

– Denunciamos que o Plan Xeral de Ordenación Muncipal de Vigo AP-2006 é un plano irracional e insostible, contrario ás boas prácticas do urbanismo moderno, que leva á degradación do territorio e da cultura, e que está marcado pola inxustiza social, a falta de democracia participativa e a ilegalidade.

– Solicitamos á Xunta de Galicia que denegue a aprobación definitivado PXOM de Vigo AP-2006.

– Solicitamos aos poderes públicos que impulsen un novo PXOM para Vigo, un plano racional, sostible, elaborado con participación e corresponsabilidade cidadá, que faga de Vigo a cidade que pode e debe ser, e que contribúa a facer de Galicia o País que desexamos.

 

Un novo PXOM para Vigo

 

Vigo ten que transformarse físicamente na cidade que pode e debe ser, segundo as súas potencialidades: dinamismo económico, rica persoalidade diversa e natureza privilexiada. Para isto precisa unha nova cultura do territorio e un ordenamento sostible. Pero o PXOM AP-2006 é un plano esencialmente inculto, economicista e especulativo. Un plano que agrava a depredación urbanística do territorio galego e contribúe ao cambio climático. Por iso é insostible, ilegal e irrecuperable. A Orde CPT-2007 non pode transformalo no plano que Vigo precisa. É necesario un novo PXOM. Necesario e posible, porque non é urxente. As necesidades urxentes para o desenvolvemento da cidade (solo industrial, vivenda protexida, infraestruturas, ciclo da auga, sanidade, xustiza) poden resolverse, de xeito sostible e xuridicamente seguro, en colaboración coa Xunta de Galiza e dentro do ámbito metropolitano. Vigo precisa un novo PXOM, culto e feito con democracia participativa. Un PXOM que faga da cidade un espazo de vivencia, convivencia, cultura e relación cotiá coa beleza e a natureza. Un PXOM que respecte os sinais de identidade desta cidade plural (urbana, mariña e rural; industrial e portuaria; galega e universal) e consolide este multimodelo como un legado cultural. Un PXOM que restaure a relación física, visual e cultural entre a cidade, a terra e o mar. Un PXOM que desenvolva a cidade minimizando a súa ocupación do territorio. Un PXOM integrado no ámbito territorial das Rías Baixas e que protexa os seus valores ambientais e paisaxísticos. Un PXOM acorde coa inminente lexislación sobre ordenamento territorial, urbanismo, medio ambiente, paisaxe, protección do rural e protección do litoral.

 

 

 

Medio ambiente e paisaxe

 

A crecente degradación territorial, ambiental e paisaxística de Vigo fai urxente a recreación de dous organismos: unha verdadeira concellería de medio ambiente e desenvolvemento sostible, e un verdadeiro consello local de medio ambiente, vehículo de participación democrática e inserido na Axenda 21 local. Concellería e consello terían cinco obxectivos urxentes:

  1. Unha estratexia local para o desenvolvemento sostible, inserida nas estratexias galega, estatal e europea, e que incluiría un programa de acción ante o cambio climático.
  2. Un plan ambiental e paisaxístico, que comprendería o inventario, avaliación, protección e rexeneración do medio ambiente e a paisaxe de Vigo (núcleo urbano, medio rural, coroa de montes, cauces, humidais, litoral e ría, tratados individualmente e como conxunto), e a cooperación na protección do patrimonio arqueolóxico e da paisaxe cultural. Tarefa urxente: inventario, protección e recuperación de espazos de especial valor ambiental, paisaxístico e cultural.
  3. Un plan de control e xestión do metabolismo urbano e industrial (consumo de enerxía, ciclo da auga, emisión de gases, efluentes líquidos, residuos sólidos e ruído). Tarefas urxentes: Promoción da enerxía solar na construcción. Control estrito do metabolismo industrial (consumo de enerxía, emisión de gases, efluentes líquidos e residuos sólidos) e da construcción (residuos de obra). Normativa local de ruído con límites de emisión e inmisión que garantan a protección dos cidadáns contra toda contaminación acústica, en todo o termo municipal e no interior das vivendas, como un dereito fundamental.
  4. Participación no deseño, control e xestión do plan local para a mobilidade sostible.
  5. Un plan de infraestruturas de xestión ambiental. Tarefas urxentes: Sistema municipal de saneamento con separación de augas pluviais, urbanas e industriais. Varias depuradoras sectoriais (industriais e urbanas) en lugar da macrodepuradora do Lagares. Rede de puntos limpos. Planta local de compostaxe.

OVEP, junio 2007

 

Introdución, 

 

Sete anos de redacción e tramitación do PXOM de Vigo revelan a incultura territorial, a oligarquía planificadora e a falta de ética social e ambiental dos sucesivos Gobernos Municipais, dos grupos de presión económica que integran o Consello Sectorial de Urbanismo e do propio equipo redactor do Plan. A consecuencia é un monstro urbanístico que ameaza o tecido económico, o patrimonio natural, a equidade social, o patrimonio cultural e os sinais de identidade de Vigo, das Rías Baixas e de toda Galicia. A xestión irresponsable da Xunta de Galicia permite que este monstro siga vivo e vaia ser sometido a unha nova aprobación provisional polo Concello en decembro de 2007, coa intención de que a Xunta outorgue a súa aprobación definitiva en xaneiro de 2008. O resultado deste proceso é o seguinte:

 

 

  1. Un Plan inculto na súa visión e tratamento do territorio

 

Porque foi concibido sen debate, sen a debida valoración do territorio e sen respecto pola historia e pola personalidade plural de Vigo. Porque non realiza a debida xestión do seu patrimonio ambiental, paisaxístico, social, cultural e identitario.

 

 

  1. Un Plan feito de costas á xente de Vigo

 

Porque non foi concibido no seo dunha Axenda 21 Local, con verdadeira participación cidadá e cun adecuado asesoramento nos principios e técnicas da sustentabilidade. Porque naceu no seo dun Consello Sectorial de Urbanismo integrado polos representantes dos grupos políticos e dos sectores economicamente beneficiados neste Plan, de xeito directo (promotores, construtores, propietarios)  ou indirecto (empresarios, colexios e asociacións profesionais, sindicatos).

 

 

  1. Un Plan carente de ética social e ambiental

 

Porque utiliza o territorio, patrimonio natural e ben público, como obxecto de propiedade, transacción e beneficio privado. Porque constitúe un negocio especulativo que vai contra o interese público. Porque destrúe o territorio, o patrimonio cultural e a calidade de vida.

 

 

  1. Un Plan insustentable

 

Porque non foi concibido con criterios de sustentabilidade e non cumpre ningún dos seus principios: democracia participativa (información, participación, corresponsabilidade); equidade social (inter e intra xeracional); conservación do patrimonio natural, cultural e identitario; actuación sustentable (precaución, prevención, recuperación) nin control da sustentabilidade. Porque non cumpre con ningún dos compromisos da Carta de Aalborg, asinada dúas veces, a falta dunha, polo Concello de Vigo (2004 e 2006) e porque incumpre todos os obxectivos das Estratexias Europea e Galega de Desenvolvemento Sustentable.

 

 

  1. Un Plan local desconectado do ámbito territorial das Rías Baixas e incompatible coa ordenación sustentable do territorio

 

O Concello non se preocupou de compensar a ausencia dun Plan Territorial mediante unha planificación coordinada cos demais concellos, e supervisada pola Xunta de Galicia, das dotacións esenciais (vivenda, solo industrial, infraestruturas e servizos), nin da configuración dos espazos de valor natural e paisaxístico. Isto impide a utilización mesurada do solo e a distribución equilibrada dos seus usos no conxunto do territorio; impide a adecuada planificación da mobilidade, e dificulta a continuidade transmunicipal dos espazos protexidos. Ademais, o Plan impide unha ordenación territorial verdadeira, porque persegue un crecemento expansivo que agravaría a pegada ecolóxica e o desequilibrio económico e demográfico entre a Galicia interior e o litoral.

 

 

  1. Un atentado urbanístico

 

O Plan, baseándose nunha proxección demográfica desmesurada, pretende duplicar o tamaño da cidade nun período de entre 12 e 20 anos, no que se dobraría o número de vivendas.

Ignora os conceptos de espazo público, beleza e natureza no deseño da cidade. Non rexenera o núcleo urbano, senón que o conxestiona con 69 torres de gran altura; non rexenera o rural, senón que o fai desaparecer mediante a súa urbanización masiva con bloques de media e baixa altura; non rexenera o litoral, senón que o masifica e ocupa os últimos espazos baleiros do rural costeiro. O Plan deseña sobre o caos actual unha construción despersonalizada que promove os non lugares e a mobilidade insustentable.

 

 

  1. Un atentado ambiental

 

O Plan carece dunha concepción ecolóxica do territorio municipal que considere ao ser humano, ao medio urbano, ao medio rural e ao medio natural como integrantes dun mesmo ecosistema, e non ten criterios de ecoloxía urbana.

Elimina a metade do medio rural do municipio (actualmente o 65% do territorio) e reduce gravemente a diversidade biolóxica, cunha extinción media do 15% das especies vexetais e animais.

Non protexe nin rexenera as cuncas e leitos fluviais nin as súas fragas de ribeira. Non rexenera os ecosistemas do litoral non urbanizado, e reduce a franxa de solo rústico de protección de costas de 200 a 100 m. Degrada os humidais costeiros (introduce un vial na xunqueira do Bao; mantén e amplía a depuradora na xunqueira do Lagares) e os continentais (non protexe a lagoa Mol da ampliación do aeroporto). Considera que o valor ambiental e paisaxístico da coroa de montes é medio, alto ou moi alto, pero atribúelle unha alta capacidade de urbanización. O agresivo deseño das infraestruturas de transporte (Ronda de Vigo, AVE, autovías) provoca un grave impacto ambiental sobre o medio rural e os espazos naturais, e ocasiona unha grave fragmentación territorial.

O Plan non se ocupa da calidade ambiental do medio urbano como espazo público e lugar de contacto cotián coa beleza e a natureza. Deseña un abastecemento de auga e un saneamento insuficientes para as súas previsións demográficas e construtivas. Non deseña a separación de augas pluviais, urbanas e industriais. Mantén e amplía a depuradora do Lagares en lugar de substituíla por una rede de pequenas depuradoras urbanas distribuídas segundo as cuncas naturais do municipio. Non contempla a instalación de depuradoras nos parques industriais. Carece dos debidos estudios sobre a xeración e prevención da contaminación atmosférica, acústica e magnética no concello actual e no concello proxectado. Carece do debido estudio sobre a xeración actual e futura de residuos urbanos, industriais, agroforestais e de obra (incluídos os da súa propia realización) e non deseña os medios necesarios para a súa xestión.

O Plan, polo seu crecemento expansivo e a súa mobilidade insustentable, multiplicaría de xeito inasumible o consumo de enerxía do municipio e  a súa contribución ao cambio climático global.

 

  1. Un Plan que agrava e consolida a mobilidade insustentable

 

A Ronda de Vigo non é necesaria como vía de alta capacidade, e ten un trazado irracional como vía urbana entre parroquias. O Plan non acomete a integración ambiental e paisaxística das grandes vías (soterramento ou falsos túneles que mitiguen a fragmentación territorial provocada polo segundo cinto, o AVE e as autovías).

O Plan propón unha rede viaria pensada para o transporte privado, e non prevé as infraestruturas necesarias para a mobilidade (tren de proximidade, tren do litoral, metro lixeiro ou tranvía, carril bici, transporte marítimo). A proliferación de aparcadoiros no núcleo urbano e a de centros comerciais en todo o municipio, así como a distante localización da universidade agravan o problema. O Plan ignora o valor da mobilidade sustentable para elevar a calidade de vida, combater o cambio climático e reducir o número de vítimas na estrada.

 

  1. Un atentado paisaxístico

 

O Plan non se achega ao territorio coa debida reverencia pola súa configuración orixinal. Ignora os conceptos de beleza e natureza no deseño de Vigo, e non restaura a súa relación física, visual e cultural co mar e co territorio.

A construción en altura no núcleo urbano e a invasión do rural empequenecen a cidade construída, aumentan o caos da paisaxe urbana, desmitifican a paisaxe montuosa e crean novas barreiras entre a cidade, o mar, o val fragoso e a coroa de montes.

A masificación do litoral urbano e a invasión do rural costeiro destrúen a paisaxe litoral. O agresivo deseño das infraestruturas de transporte (Ronda, AVE, autovías, segundo cinto) e dos parques industriais, provoca unha terrible fragmentación do territorio e brutais trincheiras e desmontes en ladeiras moi empinadas. A ausencia de corredoiros de visibilidade pecha definitivamente a cidade ao mar e ao seu entorno natural.

O Plan acaba coa beleza do territorio, destrúe a paisaxe identitaria e acaba co seu poder filoxenético para as xeracións actuais e as vindeiras.

 

 

  1. Un atentado cultural e identitario

 

O Plan renuncia á rexeneración de Vigo. Non o transforma nun espazo público de vivencia, convivencia, lecer e cultura, senón que o consolida como un non lugar.

Non respecta a personalidade histórica diversa (urbana, mariña e rural, portuaria e industrial, galega e universal), que fai de Vigo un compendio de Galiza. Nin conserva nin xera espazos que acubillen os seus sinais de identidade e a súa tradición.

Degrada e non restaura os referentes culturais do núcleo urbano. Destrúe a cultura rural, pois fai desaparecer o seu hábitat e a súa paisaxe cultural. Acaba de destruír o que queda da personalidade mariñeira de Canido. Non cataloga nin protexe adecuadamente o patrimonio histórico, arquitectónico e arqueolóxico. Ignora, afecta e incluso destrúe xacementos valiosos e ignora e non protexe os patrimonios mariño e industrial.

Renuncia a planificar unha solución ao feísmo urbano e rural a curto e longo prazo, desdeñando o necesario equilibrio entre o respecto á memoria histórica e á creatividade dun verdadeiro urbanismo e dunha verdadeira arquitectura que sexan ao tempo actuais e identitarios.

 

  1. Un Plan que atenta contra a xustiza social

 

O Plan constitúe un negocio especulativo privado que vai contra o interese público e a xustiza social. Un negocio que degrada a calidade de vida dos vigueses no núcleo urbano, e a destrúe no rural. Un negocio que fai desaparecer 84 dos 95 núcleos rurais, destrúe 15.000 vivendas e provoca   un innecesario realoxamento dos seus veciños. Un negocio que ocasiona o cambio de vida e o desarraigamento vital e emocional de milleiros de cidadáns.

 

O Plan aprobado provisionalmente prevía un 20% de vivendas de protección oficial, o mínimo legal naquel momento. A nova Ley del Suelo do Estado fixa o 30%. A futura Lei de Ordenación Urbanísitica de Galicia establecerá un 40 %. A actual corporación pretende ampliar a porcentaxe ao 43% (inda que cunha distribución irregular que fai que non poida acadarse ata que se constrúa a totalidade do previsto). Unha porcentaxe aínda escasa, tendo en conta que a vivenda é unha necesidade básica. A oposición dos promotores e dos propietarios só pode cualificarse de carente de toda ética. Compárese coas porcentaxes establecidas en Navarra (50%) Madrid (50%) e, sobre todo, no País Vasco (75%).

 

  1. Un plan ilegal

Á marxe da polémica sobre a súa redacción actual, o plan que se aprobe provisionalmente por segunda vez no Concello ten que cumprir cos requisitos de tres documentos fundamentais para obter a aprobación definitiva:

 

  • A Orde da Consellería de Política Territorial de 19 de xaneiro de 2007.
  • A Resolución da Consellería de Medio Ambiente de 10 de setembro de 2007.
  • O Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de 19 de xaneiro de 2007

 

Pois ben: Supoñendo que o Concello e o equipo redactor puidesen facer semellante adaptación a pesar das dificultades técnicas e das presións político-económicas, o resultado sería o seguinte:

 

  • O Plan mantería a súa desmesurada extensión sobre o territorio compromentendo para o futuro unha enorme extensión de solo rústico clasificada innecesariamente como solo urbanizable

 

  • O Plan carecería de Avaliación Ambiental Estratéxica e de todo tipo. Isto deixa sen avaliación á cidade construida, os ámbitos de ordenación detallada e, sobre todo, os efectos ambientais sobre o conxunto do territorio. Estas dúas circunstancias, ademáis de moitas outras que engaden inseguridade xurídica, serían causa suficiente para facer o documento nulo de pleno dereito. Pero, ademáis:

 

  • As evidencias mostran a inseguridade xurídica de non someter o Plan a unha nova exposición pública, si é que de verdade recolle todos os cambios esixidos pola Xunta de Galicia.

 

  • Aínda que superase todos os requisitos legais, sería un Plan xurídicamente obsoleto respecto da nova Ley del Suelo do Estado, e da inminente normativa galega sobre ordenación do territorio, urbanismo e protección do medio rural, protección do litoral, protección da paisaxe e avaliación da sustentabilidade.

 

Por último, o Plan pretende legalizar a meirande parte das ilegalidades urbanísticas cometidas ata agora, algunhas delas con sentenza firme de demolición, sen buscar unha solución xurídica a medio ou longo prazo adaptada a cada caso que permita restaurar a legalidade urbanística e ambiental sen causar inxustizas e sen comprometer á economía municipal.

 

  1. Un Plan obsoleto e irrecuperable

 

O PXOM de Vigo foi concibido con incultura territorial, con planificación oligárquica e carencia de democracia participativa, con carencia de ética social e ambiental, sen criterios de sustentabilidade, sen cooperación nin coordinación territorial.

Falla nos seus fundamentos e na súa estructura. A súa reforma é imposible. Se se intentase recuperalo mediante o seu sometemento á Avaliación Ambiental Estratéxica, non superaría o filtro da selección das alternativas razoables.

Por isto non fai falla lembrar que leva sete anos de redacción, durante os que se produciron cambios notables na realidade económica, social e ambiental de Vigo e no seu ámbito territorial. Nin que a recesión no mercado da vivenda fai menos atractiva a construcción como negocio. Nin que se produciron cambios, recientes ou inminentes, na lexislación aplicable, como xa se comentou.

Non ten sentido empregar traballo e recursos económicos en tratar de manter vivo a un defunto. O PXOM de Vigo é irrecuperable.

 

  1. Unha ameaza para a Ría de Vigo, para os concellos do litoral e para toda Galiza

 

O PXOM de Vigo constitúe unha ameaza, tanto se produce un efecto chamada que provoque unha improbable e insustentable eclosión demográfica, como se a chamada ten efecto sobre a terceira idade europea en materia de segunda ou terceira vivenda, como se o resultado é unha cidade deserta e fantasma.

Unha ameaza permanente de contaminación para a Ría. Unha ameaza de presión humana sobre o litoral e a Ría, xa sobresaturados e sometidos a unha presión irracional polas actividades de lecer e as súas infraestructuras. Unha ameaza de destrución definitiva dos valores ambientais e paisaxísticos da Ría. Unha ameaza de agravamento e consolidación da mobilidade insustentable. Un pésimo exemplo e unha coartada para que os concellos do litoral sigan os mesmos pasos. Unha ameaza para os valores económicos, sociais, culturais, ambientais, paisaxísticos e identitarios de toda Galiza. Unha ameaza para a identidade mesma da Terra e a súa pervivencia como País.

 

 

Conclusións e petición final

 

Como primeira conclusión de todo o exposto só cabe esixir a anulación e retirada do actual PXOM por incumprimento flagrante da Lei 9/2006 de avaliación ambiental extratéxica, por ser elaborado sin a debida participación social e por non acadar os mínimos índices de sostibilidade.

Os Plans Xerais de Ordenación Municipal, na súa forma actual, son instrumentos obsoletos, e deberían ser cousa do pasado. É o tempo dos Plans Territoriais, é dicir, da ordenación conxunta dos territorios que constitúan unidades xeográficas de planificación e de xestión polas súas características ambientais, pola súa distribución poboacional e urbanística e pola súa actividade económica.

O Plan Territorial permitiría a ordenación e a distribución racional dos elementos fundamentais para a economía (solo industrial, aproveitamento sustentable dos recursos naturais, infraestructuras) a sociedade (vivenda, saúde, mobilidade sustentable, servizos) e o medio ambiente (espazos rurais, agroforestais e naturais). O Plan Territorial permitiría planificar cada un destes elementos no tempo que cada un require, sen necesidade de agardar unha aprobación conxunta do planeamento.

O Plan Territorial habería de estar coordinado entre os Concellos e a Xunta (ou dirixido polos organismos de planificación e xestión territorial que se creen no futuro). Os Plans de Ordenación Municipal deberían estar inseridos no Plan Territorial, e ter como obxectivo fundamental a creación ou rexeneración e protección do espazo urbano, do medio rural e do medio ambiente, combinando axeitadamente a protección dos elementos culturais identitarios coa modernidade.

Así pois, reclamamos unha nova cultura da planificación, un Plan Territorial para as Rías Baixas e un Vigo noutro plan.

 

 

OVEP, noviembre de 2007

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *